Sunday 19 de May de 2024

Cancélanse os programas formativos Bolsas USA, Acore e Idiomas do mundo ante a incerteza ocasionada pola pandemia


O concello decide suspendelos ao non poder garantir as medidas de seguridade e de hixiene e que se desenvolvan nos termos das convocatorias anteriores

O concello cancela os programas educativos internacionais Bolsas USA 20-21, Acore e Idiomas do mundo pola incerteza xerada polo desenvolvemento da pandemia e ao non lles poder garantir ás familias e beneficiarias/os que se poidan cumprir as medidas de seguridade e de hixiene. Ante esta situación, o Goberno local decide non seguir adiante coas convocatorias por non poder asegurar que se leven a cabo os programas nos mesmos termos doutros anos. Así que deixa sen efecto a resolución en que se aprobaron as bases reguladoras das Bolsas USA, dirixidas a estudantes de 4.o da ESO, en que se lles ofrecía a opción de adquiriren un dominio avanzado da lingua inglesa coa realización dun curso equivalente a 1.o de Bacharelato nos Estados Unidos.
Do mesmo xeito, anúlase “Idiomas do mundo 2020” que posibilitaba a estadía do estudantado de 4.o da ESO e 1.o de Bacharelato en Francia, Irlanda, Portugal e Alemaña ou Austria durante catro semanas do verán, co fin de melloraren a competencia nalgunha das linguas europeas máis faladas no mundo. Por mor da crise sanitaria internacional, tampouco se poderá desenvolver o programa Acore, en que se ofertaban cinco prazas para que tituladas/os superiores en formación profesional nos ciclos formativos de Hostalería e Turismo, Comercio e Márketing, e Administración e Xestión realizasen prácticas en empresas de Austria, Italia e Reino Unido.

SUMMER TALK CORUÑA
A Concellería de Educación, en colaboración coa Federación de APAS da Coruña, porá en marcha en xullo o programa Summer Talk, con actividades de dinamización dirixidas ao alumnado da ESO para a mellora da expresión e comprensión oral da lingua inglesa.